Ana Luísa Bouza Santiago, deputada pertencente ao Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), vén de anunciar que, en relación á comunicación realizada polo Goberno galego de investir 8,34 millóns de euros nun Plan de Medidas urxentes no ámbito das TIC co obxectivo de “mellorar o funcionamento dos servizos tecnolóxicos que dan soporte á actividade da Xunta”, vai presentar unha interpelación, para que o actual Goberno dea resposta a cuestións como as que seguen: se vai dar continuidade aos organismos postos en marcha polo PEGSI (Mancomún, OGSI e a Rede de Dinamización), se ten un calendario de extensión da banda larga no rural ou se ten criterios de apoio ao software libre e de apoio ás empresas TIC galegas, entre outras cousas.
Por outra banda, o seu compañeiro e portavoz do partido no Congreso, Francisco Jonquera, vén de rexistrar unha iniciativa parlamentaria na Cámara Baixa, na que lle demanda ao Goberno unha modificación do Decreto 1066/2001, que establece as condicións de protección do dominio público radioeléctrico e medidas de protección sanitaria fronte ás emisións radioeléctricas, a fin de mellorar os níveis de protección fronte a campos electromagnéticos como os das antenas de telefonía móvil.
O deputado do BNG faise así eco das reivindicación plantexadas polo Plataforma Estatal contra a Contaminación Electromagnética, na que están integradas varias asociacións e organizacións galegas.
Jonquera tamén lle pregunta ao Goberno galego que opina sobre o establecemento de distancias biosanitarias a fontes de emisións de campos electromagnéticos, para acadar límites de exposición garantistas como os expostos en estudos científicos.
Asemade, quere saber se desde o Executivo se realizaron estudos ou informes sobre os efectos que na saúde humana ten a exposición cercana a antenas de telefonía móvil.
Jorquera pede ao Goberno que lle detalle cantas antenas de telefonía móbil están instaladas en Galicia, e cantas en núcleos urbanos.
O BNG interpelará pola continuidade do PEGSI e o calendario de extensión da banda larga no rural
Compartir Este Artigo

