A Asociación de Internautas das Rías Baixas Galegas (AIRBAG) está xa a anunciar os máis salientables detalles da que será a quinta convocatoria da Arousa Party, xuntanza de usuarios da Rede encamiñada a dinamizar o panorama dixital do noso país, arestora e malia os avances dados ao longo dos últimos anos, un dos de menor afianzamento de toda España. O encontro organizado por AIRBAG desenvolverase por segunda vez consecutiva en Vilanova de Arousa, localidade que segundo apuntan os responsables da party comparte plenamente o seu espírito de democratización do acceso á Internet. Esta arela de levar a Rede a todos os recantos é, tamén, o gran obxectivo desta edición, que colle corpo co obxectivo de superar a asistencia de participantes da convocatoria previa (na que se deron cita 180 inscritos e 1.500 visitantes).
En palabras dos organizadores, o que se pretende con esta xuntanza en liña é “satisfacer as necesidades de lecer dun tipo de público, xeralmente novo, que procura actividades e diálogo arredor da informática e das novas tecnoloxías, afeccións que polas razóns que sexan non están a ser atendidas como este colectivo require”. Por certo que unha vez máis se porá a disposición dos participantes o necesario para ter conexión Wi-Fi.
Na Arousa Party, que se celebra en decembro, búscase –punto por punto- o seguinte:
· Que a xente aínda non iniciada en Internet coñeza os segredos da Rede.
· Que a xente que xa usa Internet goce de todas as posibilidades que esta ofrece, dende información xeral ata comunicación.
· Tirar partido das posibilidades da Rede e do encontro colectivo para os xogos en liña, o lecer en xeral e a tecnoloxía da videoconferencia.
· Organizar debates, cursos, relatorios e charlas arredor do fenómeno das tecnoloxías.
· Poñer en marca concursos de temas como xogos, deseño, programación ou seguridade.
Segundo engade a organización, cada participante na xuntanza terá á súa disposición un punto de conexión eléctrica, tarxeta USB Wi-Fi e acceso á Rede de alta velocidade, entre outros moitos recursos postos en xogo.
Por certo que co obxectivo de promover as vantaxes de acudir á Arousa Party, o equipo organizador ten programadas unha serie de actividades nas casas da cultura de cada parroquia de Vilanova, actividades entre as que se contan a inscrición e fase previa nos concursos de Wii, PlayStation e Xbox que finalizarán entre o 18 e o 20 de decembro:
· 26 e 27 de setembro: parroquia de András.
· 10 e 11 de outubro: parroquia de Caleiro.
· 24 e 25 de outubro: parroquia de Vilanova.
· 7 e 8 de novembro: parroquia de Tremoedo.
· 21 e 22 de novembro: parroquia de Baión.
· 5 e 6 de decembro: parroquia de San Miguel de Deiro.
Xa no plano técnico, dicir que a Arousa Party disporá este ano dun enlace WiMAX co Centro de Procesamento de Datos de Vilanova (concello que conta con rede sen fíos propia de seu, libre e de balde) de 54 MBps (simétricos), reservándose para a xuntanza 10 MBps simétricos. Dentro do recinto, contarase cun número concreto de nodos (entre 4 e 8, dependendo da cifra de usuarios) para dar acceso a tódolos asistentes.
Haberá conexión interna con switch de 24 portos de 1.000 ou de fibra 10/ 100.000
A nova edición da Arousa Party seguirá apostando polo Wi-Fi e por unha Rede libre
Compartir Este Artigo

