Nin tan novo nin tan propio de seu, segundo apunta o BNG. O Plano Director de Telecomunicacións para o Despregamento da Banda Larga aprobado onte polo Consello da Xunta é para o Bloque Nacionalista Galego “o mesmo plano PEGSI aprobado polo anterior goberno galego, e que agora”, engaden os representantes do partido, “a nova Xunta anuncia como propio”. Para Ana Luísa Bouza (na imaxe), voceira dos nacionalistas galegos en materia de Sociedade da Información, a presentación dun programa como o aprobado onte mesmo responde “a unha falta de rigor escandalosa”, posto que todas as actuacións que inclúe polo miúdo, engade, estaban xa previstas no Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI) aínda vixente.
E engade o BNG: “Unha parte das actuacións era responsabilidade de Medio Rural a través de AGADER e a outra da Consellería de Industria a través da Dirección Xeral da Sociedade da Información e outra parte do ente Retegal que dependía de Presidencia”. Sobre este punto, a voceira nacionalista cualifica de “sorprendente” que a maior parte do investimento sexa precisamente un convenio co Ministerio de Industria de 90 millóns de euros, “convenio que o secretario xeral da Consellería de Industria na súa concorrencia antes do verán dixo que desapareceran”.
O BNG sostén que o plan da banda larga da Xunta é o mesmo có aprobado polo bipartito
Compartir Este Artigo

