Mentres unha parte importante da comunidade internauta vive leda co intercambio libre de coñecemento, cómpre non esquecer que hai outra porcentaxe que emprega unha cantidade importante do seu tempo laboral ou de lecer en atopar xeitos de parar ou polo menos controlar ese libre fluxo de datos. Estas prácticas poden basearse en moi diversos intereses, algúns máis xustificables que outros: dende canalizar ou suprimir contidos musicais, películas, libros ou imaxes, ata eliminar bulos ou calumnias que vaian dun punto a outro da Rede, ao alcance de todos e todas malia atentar contra a dignidade das persoas. Esta de controlar ou eliminar é a finalidade de Red Points, un servizo dirixido a persoas ou empresas que precisen de auditorías e retirada de datos non autorizados ou non desexados na Rede.
Segundo contan os seus responsables (o equipo de profesionais da Asesoría Xurídica das Artes), trátase dun sistema que coordina “a disciplina xurídica en dereitos de autor, imaxe e marca rexistrada coa informática mediante o deseño dunha aplicación única”.
En contra do que poidamos supoñer, os seus responsables advirten que o sistema non persegue ao internauta, nin xuridicamente nin de ningunha outra maneira, senón ao contido. A idea é non atentar contra o principio de liberdade da Rede co que din estar de acordo. Ao seu xuízo, unha Internet sen atrancos non é incompatible coa figura dun titular duns dereitos de propiedade intelectual querendo controlar e decidir cales das súas obras poden estar dispoñibles ou non.
En definitiva, a idea é crear unha alternativa ás actuais políticas antidescarga libre, “incapaces de frear a día de hoxe as continuas baixadas na venda de discos e de asistentes ás salas de cinema”. Sobre o seu funcionamento, dicir que o sistema actúa facendo desaparecer os fíos, links ou ligazóns de descarga, fotografías, portadas e calquera outro material susceptible de estar baixo un emprego non autorizado. A súa capacidade, sinalan os responsables, é de 300 páxinas web localizadas e tratadas ao día de xeito independente do número de links que se atopan no seu interior por proxecto. Estas ligazóns, engaden, poden someterse a supervisión de xeito periódico ou durante o prazo que se estipule. Red Points tería potencialidade para actuar en descargas P2P.
Os creadores de Red Points propóñense rematar coa libre descarga de contidos na Rede
Compartir Este Artigo

