A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que dende que retomou a súa actividade diaria (despois do parón de verán) non deixou de levar a cabo accións de formación nas TIC para os grupos máis desfavorecidos do país neste senso, vén de anunciar agora a celebración de cinco novos obradoiros na Asociación de Empresarias da Coruña, que se desenvolverán durante o mes de novembro nas instalacións deste centro.
Os cursos son os que seguen.
-Iniciación a Internet: este curso pretende capacitar ás persoas usuarias para utilizar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa Rede. Desenvolverase entre o 2 e o 13 de outubro, de luns a venres, de 10 a 11 horas.
-Creación dunha conta de correo electrónico: algo tan corrente e habitual para algunhas persoas como é o correo electrónico, convírtese nunha traba para moitas outras ao non saber ou non poder crear e xestionar a súa propia conta. A Asociación de Empresarias da Coruña organiza este obradoiro para aquelas persoas que desexen facer que o servizo de correo electrónico forme parte da súa vida cotiá, usándoa a cotío e facendo uso das vantaxes que esta ferramenta ofrece hoxe en día. O curso terá lugar entre o 3 e o 12 de novembro, os martes, mércores e xoves, de 16:30 a 17:30 horas.
-Procura de emprego en Internet: este temario está orientado a proporcionarlle aos usuarios/as as ferramentas necesarias para elaborar un currículo e promocionalo pola Internet. Desenvolverase entre o 23 e o 30 de novembro, de 10 a 11 horas.
-Exercitar a memoria en Internet: este curso, que se desenvolverá entre o 24 e o 26 de outubro, en horario de 16:30 a 17:30 horas, terá como finalidade que as persoas usuarias exerciten a súa memoria empregando recursos de Internet.
Por último, tamén está prevista para este mes unha charla formativa, impartida na asociación en colaboración con BIC Galicia, sobre a Importancia de informatizar o comercio, dirixida a xerentes e empregados/as do pequeno comercio. Será o día 4 de novembro entre as 20:30 e as 22:30 horas no propio local de AECO.
O prazo de inscrición para cada unha destas actividades rematará o día previo ao seu comezo.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estas e outras actividades da Rede, poden dirixirse ao Centro de Dinamización de AECO, sito na Avda. Alcalde Pérez Ardá, 53, baixo, chamar ao teléfono 981.297.870 ou mandar un correo electrónico ao enderezo barbara.acoruna@dinamiza.fundacioncalidade.org.
As empresarias da Coruña anuncian novos cursos de formación TIC en novembro
Compartir Este Artigo

