A Xunta vén de presentar novidades sobre o proceso de achega de cobertura de Televisión Dixital Terrestre (TDT) á nosa xeografía, e máis en detalle a certas áreas do interior. Segundo fai saber a Secretaría Xeral de Medios (departamento responsable do afianzamento e subministro desta tecnoloxía), o Plano de Acendido da TDT na zona Ourense-Leste (a que se corresponde coa Fase I do Plan Nacional) arrincou hoxe coa posta en funcionamento do emisor dixital Cortegada no concello de Riós. O comezo da actividade desta intraestrutura, sinala a Secretaría, supón o primeiro paso dun calendario de acendidos que rematará na primeira semana de decembro e que abranguerá un total de vinte concellos.
A documentación sobre estes traballos específicos está dispoñible en formato Power Point. |
Máis en detalle, o devandito proceso de prendidos prolongarase a vindeira semana cos de Terroso (Vilardevós) e Matama (Laza). Asemade, engadiu a Secretaría Xeral, xa a principios de novembro teriamos que contar co acendido dos equipos de Campobecerros e de Servoi (Castrelo do Val) e Veiga (Riós) como proceso previo á posta en marcha dos equipamentos de Langullo (situado en Manzaneda), As Ermitas (O Bolo) e Valdín (A Veiga). Decontado, será a quenda da Mezquita, Feces (Verín) e Castrelo de Abaixo (Riós), para na recta final de novembro abordar o prendido dos emisores Fornelos (de Viana do Bolo), Mandín (Verín) e Homoso (Viana do Bolo). Para rematar, en decembro abordarse a posta en funcionamento das estacións Vilardevós, Rexoxende (Vilardevós) e Pradoalba (Vilariño de Conso).
No que atinxe ao desenvolvemento do proceso nesta zona e aos eventuais casos de ausencia de cobertura axeitada, a Secretaría Xeral infórmalles aos veciños que estarán en disposición de notificalos e solicitar, no mesmo intre, a instalación da TDT pola canle do satélite, medida alternativa coa que a Xunta pretende cubrir dixitalmente as áreas do noso país (calcúlase que cando chegue o apagamento será un 2%) que por ter orografía complicada van ficar fóra da cobertura. Por certo que o prazo para comezar a solicitude dos equipos substitutos ábrese a partir do mes de novembro.
As novidades foron presentadas (na imaxe) este venres en Ourense polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, o delegado territorial da provincia, Rogelio Martínez, o subdirector xeral de Enxeñería e Planificación, Ignacio Otero, o director técnico de Retegal, Joaquín Alonso e máis o coordinador da Oficina Técnica da TDT, Miguél Pérez.

