O panorama de blogs galegos inseridos no eido da formación non para de medrar. Un dos máis recentes e máis encamiñados á renovación mesma do ámbito educativo é o caderno posto en marcha polo grupo Nova Universidade (colectivo que centra os seus esforzos na reestruturación de actividade dos Campus de Vigo) e máis concretamente por Xaime Cabeza (na imaxe), candidato a reitor polo devandito grupo. O caderno, que se distribúe en páxina principal e apartados de opinión e actividades, vai dirixido, en palabras do seu autor, a converterse nunha “posibilidade de intercambio de información e opinión con terceiras persoas e tamén adversarias ás novas visións programáticas”.
O blog, que se suma aos espazos abertos por Nova Universidade en redes sociais como Facebook, é en si mesmo un foro de debate sobre os Campus de Vigo que non renuncia a dar acubillo a diálogos sobre as outras dúas institucións educativas superiores galegas e mesmo sobre as do resto do Estado español.
A idea de Cabeza é posibilitar que o eido universitario en xeral “se sinta ceibe para poñer o que pensa, para que entre todos se vaia construíndo unha proposta integradora e ilusionante”. A presentación do blog tivo lugar na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde o candidato afondou na necesidade de renovar o fluxo de ideas sobre o contorno educativo vigués: “Levamos catro anos moi malos no eido profesional e dende a miña especialización quero achegar ideas”.
Nova Universidade ábrese na Rede a debater sobre o futuro dos Campus de Vigo
Compartir Este Artigo

