Segue adiante a vaga de rexeitamento cara á televisión pública galega e máis polo miúdo cara aos puntos de vista achegados para informar das mobilizacións dos pasados días en defensa do galego. Se onte dábamos conta de voces críticas en determinados blogs, comunidades e redes sociais, hoxe toca informar da posta en marcha dunha nova plataforma de protesta: Televisión, manipulación!. Máis polo miúdo, trátase dun blog colectivo aberto por internautas galegos co obxectivo de poñer de manifesto o que consideran episodios moi graves de información parcial achegados polos medios de comunicación públicos do noso país, episodios que se sitúan, engaden, a favor de quen goberna na Xunta e en contra de quen solicita un cambio de rumbo político en materia lingüística.
En definitiva, o blog segue o ronsel de Queremos Galego! e a manifestación celebrada o domingo pasado pero cun punto de mira máis específico. Asemade, servirá de lanzadeira para a promoción de accións públicas de denuncia de situacións semellantes á devandita, “co común obxectivo de acadármanos uns medios de comunicación públicos ao servizo da información, a obxectividade e a pluralidade”.
Xorde o blog de denuncia Televisión, manipulación
Compartir Este Artigo

