No marco do programa Diverciencia, que promove a Dirección Xeral de I+D+i por toda a nosa xeografía, o Centro Tecnolóxico AIMEN, aproveita estes días para achegarlle á cidadanía galega o seu labor en prol da investigación, o desenvolvemento e a innovación, a través dunha novidosa actividade deseñada pola propia entidade: O camiño da Tecnoloxía.
O proxecto destaca a figura do Pelegrín Tecnolóxico, unha divertida mascota que foi deseñada e creada especialmente para esta iniciativa e que a bordo dunha unidade móbil percorrerá os principais concellos e localidades polas que discorre o Camiño Portugués ata Santiago, concienciando da importancia da I+D+i alá por onde pase.
En total, esta unidade móbil, que comezou o seu periplo o pasado día 26 de outubro en Tui, fará seis etapas, nas que este peculiar pelegrín visitará as vilas de Tui, O Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago.
O obxectivo desta peregrinaxe é, segundo veñen de informar os membros de AIMEN, “concienciar ao conxunto da sociedade galega sobre a importancia da I+D+i na vida cotiá e comunicar de forma gráfica e sinxela as achegas da ciencia ao benestar social”.
A unidade móbil de AIMEN vai permanecer aberta a todo tipo de público que teña interese en achegarse e familiarizarse co mundo da tecnoloxía, a través da actividade que desenvolve o Centro en materia de I+D+i.
Durante o periplo, técnicos de AIMEN explicarán aos visitantes a aplicabilidade das actividades do centro na vida cotiá, e a importancia da calidade das unións soldadas na maioría de elementos e produtos que conforman a rutina diaria, a aplicabilidade da tecnoloxía láser nos sectores máis representativos da economía galega, tales como o da automoción ou o naval, e, en definitiva, todos os campos de aplicación da tecnoloxía no marco económico e social de Galicia.
Para a execución desta actividade, AIMEN conta coa colaboración dos concellos máis representativos do Camiño Portugués, como son Tui, O Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis, Padrón e Santiago, que cederon un espazo nos seus cascos urbáns para a ubicación do autobús do Pelegrín Tecnolóxico de AIMEN.
O Camiño da Tecnoloxía fai a súa parada hoxe en Pontevedra, onde estará de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.
Mañá venres, deterase en Caldas de Reis (pola mañá) e Padrón (pola tarde), para chegar o venres a Santiago de Compostela, onde quedará todo o día na Alameda da cidade.
O Centro Tecnolóxico AIMEN percorre o Camiño Portugués divulgando a I+D+i
Compartir Este Artigo

