Por moito que digamos que o temos todo controlado, a verdade é que con respecto á Televisión Dixital Terrestre (TDT) estamos só un pouco mellor informados que cando chegou. Pode que saibamos moito, pero o que se nos escapa é aínda grande de máis. Por outra banda, se isto pasa cos lectores dunha web coma esta, especializada no dixital, que acontecerá coa franxa de poboación (sobre todo persoas maiores) que, a verdade sexa dita, non tiña ningunha necesidade de ter que esforzarse para readaptar o seu xeito de ver a televisión? Porén, é o que temos, e xa que está, se cadra cumpriría tirarlle partido o mellor posible. Para comezar, o fundamental semella ir facéndonos cos datos que nos vaian ser de meirande utilidade. Diso trata a máis recente iniciativa da empresa galega Blusens en materia de comunicación. Máis polo miúdo, trátase dun decálogo de nocións sobre a TDT ás que non deberíamos pasar por alto se o que queremos é entrar no mundo da nova televisión e saber onde poñemos o pé. Blusens explícao deste xeito: “Co fin de aclarar a confusión creada, desenvolvemos dez puntos clave que hai que ter en conta co obxectivo de implementar esta tecnoloxía nos nosos fogares”.
Entre os dez puntos acláranse conceptos básicos (como a achega de meirande calidade de imaxe e son que pon en xogo a TDT) e outros xa non tan básicos pero de importancia (vantaxes da nova tecnoloxía como o incremento de canles e a eliminación de ruído e néboa, o medre de servizos ou a elección do aparello máis idóneo para recibir no fogar a nova tecnoloxía de televisión).
Asemade, faise fincapé ao longo de varios puntos do decálogo nunha das cuestións que máis interese e polémica está a provocar entre os cidadáns, sobre todo entre os que xa teñen no fogar o decodificador para recibir a TDT gratuíta (que nun principio ía ser a mesma cousa) pero que agora descobren que se modificou o regulamento para permitir a entrada en xogo da TDT de pago, sendo o principal problema a obriga de adquirir un novo aparello que permita recibir este novo tipo de contidos. Segundo explica Blusens, “A TDT de pago é a oferta de canles TDT con custe para o usuario. A lei establece que un máximo do 25% da TDT emitida por cadeas privadas pode ser de pago. Arestora só existe unha canle de pago, Gol TV, pero a oferta medrará con canles temáticos”.
E segue, facendo referencia aos xeito de acceder a ela: “Para recibir o sinal necesítase un decodificador específico. Estes poden ser externos ou incorporados a outros trebellos como TVs, discos duros multimedia, etc. Todos eles son quen de sintonizar tanto TDT de balde como de pago. Para poder ver estas últimas precisamos: un abono coa canle en cuestión e, en certos casos, unha tarxeta CAM para inserir nos decodificadores (xa sexa nas TVs, discos duros ou decodificadores externos con fenda CI). Hai outros trebellos que xa contan coa tarxeta CAM integrada, polo que non é preciso inserir unha. A día de hoxe, moitos fabricantes están a ofertar kits compostos por tarxetas CAM máis a de aboado”.
Blusens informa das dez cousas que deberiamos saber sobre a TDT
Compartir Este Artigo

