A Xunta prosegue o seu calendario de acendidos dixitais e presentou hoxe os incluídos na Área Técnica de Meda (Ourense), correspondente a Fase II do Plan Nacional de Transición a Televisión Dixital Terrestre, e que supón un novo paso despois de que, o pasado 23 de outubro se acendese o emisor dixital de Cortegada, no concello de Riós, o que supuña o comezo do Plano de Acendido da TDT na zona Ourense-Leste.
Agora, iníciase un novo calendario de acendidos que, estendéndose progresivamente aos diferentes municipios da zona durante os dous próximos meses, afectará a un total de oitenta e cinco concellos (76 da provincia de Ourense, 8 de Lugo e 1 de Pontevedra). O secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, presentou hoxe en Ourense este programa, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o subdirector xeral de Enxeñería e Planificación de Telecomunicación, Radio, Televisión e Multimedia, Ignacio Otero, e a técnica da Oficina da TDT en Galicia, Cruz Martínez.
Segundo explicaron, este calendario de acendidos comprenderá, nun primeiro momento, a 26 concellos: Quintá (Baltar), Arnuido (Vilar de Barrio), Lobeira (Lobeira), Maus de Salas (Muíños), Marzas (Baños de Molgas), Grou (Lobios), A Derrasa (Pereiro de Aguiar), Montederramo (Montederramo), Feas (Calvos de Randín), Casaio (Carballeda de Valdeorras), Pazos de San Clodio (San Cibrao das Viñas), Ponte Ambía (Baños de Molgas), Sarreaus (Sarreaus), Xermade (Muíños), Prado (Vilar de Barrio), Pena (Xinzo de Limia), Liñares (Beariz), Lebozán (Beariz), Brues (Boborás), Pazos (Boborás), Xendive (Boborás), Santa Tegra (Castro Caldelas), Sas de Penelas (Castro Caldelas), Villariño (Coles), Parada (O Irixo), Reza (Ourense) e Mourelos (O Saviñao). Despois proseguirase a un ritmo de oito acendidos por semana co fin de rematar no mes de xaneiro.
Co cumprimento deste obxectivo, darase cobertura dixital á práctica totalidade da poboación desta área técnica, que supera os 344.000 habitantes. Ademais, todos os equipos empregados nestes traballos fabrícanse integramente na Comunidade, correspondendo tamén as instalacións a empresas galegas.
Grazas a esta actuación en Meda, que conta cunha inversión total de 2.200.000 euros, cofinanciada ao 50% pola a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, e que suporá a posta en funcionamento de 73 novos centros emisores, a cobertura final na área ascenderá ata o 97,3%, resolvéndose tamén a deficiente cobertura das canles privadas nesta zona.
A Xunta dá a coñecer o calendario de acendidos da TDT na Área Tecnica de Meda
Compartir Este Artigo
