A plataforma en liña de reprodución musical Spotify continúa a medrar en mobilidade, e tras adaptarse ao iPhone a aos móbiles con Android, chega agora nunha versión para Symbian, de xeito que os donos de terminais coma o Nokia 6220 classic, E71 e 5800 XpressMusic, o Samsung GT-I7110 e i8910 Omnia HD ou o Sony Ericsson Satio poderán gozar nos seus terminais dunha versión nativa do Spotify Mobile, que permite a reprodución do enorme catálogo musical dispoñible a través de Spotify incluso en momentos nos que non se dispoña de acceso á Rede, aínda que só para usuarios de pago do servizo.
Pero deixando de lado as vantaxes que Spotify ten para os seus usuarios, para os autores musicais as cousas non parecen tan positivas, e non son poucas as queixas pola reducida retribución que conseguen polo acceso aos seus temas, e coma exemplo un informe sostén que a canción Poker Face de Lady Gaga, tras reproducirse máis de 5 millóns de veces durante 5 meses só xerou uns 113 euros, o que é mellor que nada, pero dá a entender que o modelo de negocio de Spotify precisa dalgún tipo de revisión.
Spotify estrea versión para móbiles con Symbian
Compartir Este Artigo
