A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, aproveitou a súa participación no foro Novas estratexias das Administracións nos servizos públicos en tempos de crise para resaltar o papel das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) como eixo vertebrador da sociedade galega. Nesta liña, Pereira destacou a aposta do Goberno galego coa creación da propia Secretaría Xeral de Modernización que, en dependencia directa coa presidencia da Xunta, constitúe unha ferramenta de alto nivel estratéxico neste ámbito.
Así, durante a súa intervención no foro, no que participaron os responsables neste sector doutras oito comunidades autónomas (Andalucía, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Murcia e País Vasco), Pereira resaltou os diferentes plans de actuación iniciados pola Xunta nos últimos meses, entre os que xoga un papel fundamental a aposta polo e-Goberno, tamén coñecido como Administración electrónica.
«A modernización administrativa das nosas institucións levarase a cabo a través e importantes proxectos transversais que requirirán importantes esforzos das nosas organizacións, que terán que adaptarse a un novo xeito de facer as cousas ligado a un uso intensivo das novas tecnoloxías» segundo Pereira, quen engadiu que «o desenvolvemento da e-administración pivotará sobre os seguintes eixos de actuación: a simplificación administrativa, os procedementos electrónicos e a ventanilla única electrónica».
Ademais, Pereira quixo lembrar, tamén, os beneficios que terá esta aposta pola modernización no conxunto da sociedade galega. «A propia modernización das Administracións Públicas, o impulso á innovación do sector e o efecto na creación de emprego e de postos de traballo» son algunha destas vantaxes.
Mar Pereira resalta en Madrid o papel das TIC como eixo vertebrador da sociedade galega
Compartir Este Artigo
