
Para máis inri, o encontro foi retransmitido en directo a través de Twitter e Flickr, de xeito que os internautas puideron ver cómo a decepción e o enfado dos participantes reinaba, á vez que continuaba o debate na Rede, medrando a bola de neve formada pola oposición pública ás medidas do Goberno.
Os comentarios eran moi variables, e así Enrique Dans criticaba a falta de vontade de diálogo, Mario Tascón non vía moito futuro ao super-portal de contidos que pretende crear o Goberno para fomentar os contidos legais na Rede, Rosalía Lloret destaca que dende Cultura aseguran que o regulamento que tratará o tema só afectará a páxinas web con música e de pagagamento, pero finalmente a xente sacaba conclusións como a de Marta Manso, que conclúe que «o que asusta é que o Goberno quere crear unha comisión para pechar o que os xuíces non pechan».
Precisamente esta última opinión era compartida polo propio ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, quen pola tarde asegurou tras a súa comparecencia na Comisión de Xustiza do Congreso ante os medios de comunicación que os peches de páxinas web que decida a Comisión da Propiedade Intelectual que pretenden crear deberán pasar por controis posteriores inmediatos, ou sexa, que a autoridade xudicial deberá velar polos dereitos dos cidadáns.
Intervención de Zapatero desautorizando á González-Sinde |
Pero a historia non remata aí, e poucas horas despois foi o propio presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, quen tivo que saír ao paso para rexeitar que a posibilidade de que poida bloquearse o acceso a unha páxina web sen intervención xudicial, comentando que a intención do Executivo nunca foi a de violentar os dereitos fundamentais dos cidadáns, argumentando que todo é culpa dunha mala interpretación, no que entendemos que é unha rectificación disimulada, aínda que haberá que ver cómo quedará a partires de agora o anteproxecto no que están a traballar, pois as declaracións que están a facer os políticos durante a xornada de hoxe son, coma mínimo, contraditorias.
De feito, múltiples dirixentes do PSOE amosaron publicamente a súa preocupación polo acontecido, criticando o texto que pretendía aprobarse dentro da Lei de Economía Sustentable, o que tamén fixeron dende o Partido Popular, comentado o seu voceiro, Esteban González Pons que «pechar páxinas web sen autorización, como pretende o Goberno, é secuestro de medios de comunicación».
