Ao longo do mes de febreiro de 2010 o concello de Vedra vai dar acubillo á terceira edición dun encontro dirixido a informar (e formar) das máis innovadoras ferramentas de creación cinematográfica en calquera formato e extensión. Polo tanto, as xornadas previstas xirarán arredor dunha cantidade importante de achegas tecnolóxicas e dixitais para procesos do máis variado (rodaxe, montaxe, presentación, distribución, promoción, etc) e contarán coa participación de persoeiros vinculados a estes novos xeitos de crear. Exemplos disto (dos moitos que inclúe o programa) serán as achegas de Berto Yáñez, quen impartirá un obradoiro avanzado de codificación dixital (recursos para converter vídeos para a Web) e de Alberto Díaz e Jairo Iglesias, que afondarán nas calidades da cámara Red One 6408 de Pixel Films, trebello dixital responsable dunha boa parte da revolución cinematográfica (técnica e graficamente falando) dos nosos días.
Como dixemos, as xornadas celebraranse no mes de febreiro e contarán coa Asociación Senupeso Producións en labores de organización. O nome oficial destes encontros é III Xornadas de Formación e Mostra Audiovisual LAV 010.
A xuntanza proponse como o afianzamento do traballo desenvolvido nas dúas edicións previas e como unha aposta clara a prol de afondar no carácter formativo deste evento, promovendo na medida do posible a súa vertente de achegamento e pulo aos traballos audiovisuais galegos.
As xornadas constarán de dúas liñas de traballo ben diferenciadas pero complementarias entre si:
· Mostra de curtametraxes: Ofreceranse unha serie de traballos que os distintos realizadores de Galicia e doutras partes do Estado están a facer. Proxectaranse traballos realizados por algúns dos asistentes ás xornadas anteriores.
· Obradoiros de formación audiovisual: Unha oportunidade de formación en diferentes aspectos da realización audiovisual, pensados para todos aqueles que achéganse por primeira vez a este mundo.
Vedra acollerá en febreiro unha mostra-obradoiro do máis avanzado do audiovisual galego
Compartir Este Artigo
