Vigo vai acoller ao longo destas vacacións de Nadal un programa de obradoiros de cinema para os máis pequenos. A iniciativa Nadal de Cine vén da man da Asociación Vigo Film Commission e levarase a cabo no IES Audiovisual de Vigo (na imaxe) entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro en sesión de mañá, de 9.00 a 13.30 horas. A proposta, que conta co apoio da Xunta, vai dirixida sobre todo ás cativas e cativos de entre 4 e 12 anos.
Por certo que o programa conta cun número limitado de prazas polo que aquelas persoas que estean interesadas en inscribir aos seus fillos deben facelo antes do 15 de decembro a través da dirección de correo electrónico nadaldecine@vigofilmcommission.es indicando os datos do neno ou nena. O obxectivo básico é achegar a cultura audiovisual aos máis pequenos a través duns obradoiros de cine eminentemente prácticos.
Esta mañá, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, xunto ao director do IES Audiovisual de Vigo, Rogelio Mariño, e o representante da Vigo Film Commission, Darío Carrera, levaron a cabo a presentación do programa de Nadal, que ten como principal finalidade “crear un espazo de coñecemento e intercambio de experiencias para achegar, de forma lúdica e participativa, a maxia do cine aos nenos e nenas inscritos”.
Vigo acollerá no Nadal obradoiros de cinema para nenas e nenos
Compartir Este Artigo
