A vindeira edición dos Premios Goya, que se concederán no mes de febreiro que vén, contarán con participación galega grazas a tres curtametraxes dirixidas e creadas para o catálogo de Curtas deste ano do Consorcio Audiovisual de Galicia.
Trátase da curta de ficción X Nada, e das de animación The werepig e O soldadiño de chumbo, que levan acadados varios premios a nivel nacional.
Esta non vai ser a primeira vez que unha curta do programa de promoción internacional de curtametraxes galegas do Consorcio Audiovisual de Galicia é finalista nos Premios Goya, xa que no 2005, foi Juan Pablo Etcheverry con Minotauromaquia así como Pablo no labirinto do catálogo Curtas 04 que tamén fora finalista aos Premios Goya dese ano.
As curtas de Toni Veiga e Dani de la Torre e a de Sam Ortí forman parte do catálogo Curtas 09, que se está a distribuír en festivais e certames internacionais. X Nada, baseada na reportaxe Matar por diversión de Diego Bagnera, publicada en XL Semanal, reflexiona sobre a gratuidade da violencia que exercen algúns rapaces novos que viven consentidos polos seus pais. Seleccionada en preto de vinte festivais, entre eles o Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuito, ten o premio do xurado á mellor curtametraxe no Festival de Curtametraxes de Cans, o premio do público no XII Certame de curtametraxes Ciudad de Astorga e o premio ao mellor guión no 11 Festival de Cine de Arnedo-Octubre Corto na Rioxa.
Pola súa banda, The werepig preséntanos a dous adolescentes norteamericanos nunha “viaxe especial” pola xeografía e tradición galegas. Esta curta, leva xa recollidos máis de vinte e cinco premios e foi seleccionada en máis dunha trintena de festivais nacionais e internacionais.
E para completar a terna de finalistas, O soldadiño de chumbo, unha curta de animación en plastilina de Virginia Curiá e Tomás Conde baseada no conto infantil de H.C. Andersen e que recrea a loita dun soldadiño de chumbo pola súa amada a mediados do século XIX.
Varias curtas galegas optan aos Goya deste ano
Compartir Este Artigo

