O vindeiro 5 de xaneiro parece que será a data na que presentarán en sociedade o Nexus One, teléfono móbil desenvolvido en colaboración con Google e que comercializará subvencionado T-Mobile nos EE.UU., aínda que tamén será posible mercalo libre, e nas últimas horas vanse coñecendo máis detalles do que será o buque insignia da nova versión do sistema operativo Android para dispositivos móbiles, de xeito que, de ser certa a información filtrada, teriamos xa os prezos aos que venderase o dispositivo.
Supostamente o Nexus One poderase mercar libre por 529,99 dólares (369,85 euros), e será Google quen canalice directamente a súa venda a prezo de fábrica, xa que dende a compañía non queren facer cartos coa venda de hardware, mentres que os usuarios que prefiran adquirir o móbil subvencionado, cun compromiso de permanencia de 2 anos coa operadora T-Mobile, deberán pagar só 179,99 dólares (125,61 euros) polo que sería un duro competidor para o resto de móbiles avanzados que están á venda, ameazando seriamente o liderado do iPhone, xa que mentres non chegue o previsible novo modelo no verán, o Nexus One será bastante máis avanzado tecnicamente.
Outro detalle que resulta rechamante é que o novo terminal podería venderse internacionalmente dende o primeiro momento, aínda que supomos que falan do terminal libre, de xeito que nos vindeiros meses podería chegar subvencionado a través de distintas operadoras a nivel mundial.
O Nexus One sería un terminal cunha pantalla AMOLED de 3,5 polgadas e unha resolución de 800 x 480 píxeles, 512 Mb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon a 1 GHz e con Wi-Fi, Bluetooth, GPS e cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash.
Pero os usuarios que estean interesados en dar o salto a Android deben ser conscientes que o Nexus One non será o único terminal que o integre nos vindeiros meses, e incluso hai rumores de que a vindeira semana Motorola vai presentar novos modelos no marco do CES de Las Vegas, polo que o abano de dispositivos baseados no sistema operativo móbil promovido por Google continuará a ser variado.
Filtran os prezos do Nexus One
Compartir Este Artigo
