Mr. Bean colouse en eu2010.es a través dun fallo de seguridadeDurante a xornada de hoxe, moitas foron as páxinas web que daban conta de que a páxina web da Presidencia española da Unión Europea viña de ser crackeada amosando unha imaxe de Mr. Bean nos seus resultados de busca, o que dende a Moncloa aseguran que correspondía a «unha fotomontaxe á que se asignou unha falsa ligazón» o que desmenten moitos usuarios, posto que, aínda que é certo que a páxina web da Presidencia en ningún momento foi manipulada, o que parece ser que aconteceu é que funcionaba cunha versión sen actualizar dun xestor de contidos que contaba cunha vulnerabilidade que permitía inxectar código no seu formulario de busca, de xeito que nos resultados replicábase un anaco de código HTML no que facíase referencia á mencionada imaxe de Mr. Bean hospedada noutra páxina web, polo que coa ligazón axeitada calquera usuario podía ver no espazo contido non autorizado (o que é un claro fallo de seguridade). Pero o incidente ocasionou que milleiros de usuarios de toda España visitasen a web da Presidencia durante poucas horas, colapsando totalmente este espazo virtual, deixando en evidencia a súa deficiente xestión, especialmente despois de saberse que Telefónica cobrará 11,9 millóns de euros pola asistencia técnica e de seguridade desta páxina. Lembremos que este tipo de erros son frecuentes en moitas páxinas web (como acontecera hai varios anos en La Voz) pero o que non é de recibo é que tras corrixir o erro os seus responsables neguen a existencia do fallo de seguridade e definan coma fotomontaxe a unha proba gráfica do mesmo.