Cumprindo co previsto, moitos foron os fabricantes que acudiron ao CES de Las Vegas coa intención de amosar ao mundo o que dan de si os seus lectores de libros electrónicos, que entre os que captaron máis atención están os que innovaron en cousas como a incorporación de cor ás súas pantallas, coma foi o caso de LiquavistaColor, compañía que presentou unha nova tecnoloxía que serve para fabricar pantallas reflectivas nas que pode amosarse vídeo en cor cun consumo ultra-reducido, de xeito que serían ideais para lectores de e-books a toda cor sen sacrificar mobilidade, de xeito que as revistas poderían gozar de xeito doado do mesmo tratamento electrónico que actualmente están a ter os libros coa súa dixitalización.
As novas pantallas de LiquavistaColor non só permiten amosar vídeo en cor (con alto contraste e un excelente ángulo de visión), senón que incluso poden lerse baixo a luz do sol, de xeito que resultan prácticas para ver fotografías, ler libros e revistas ou acceder a servizos de redes sociais, convertendo os lectores de e-books nuns equipos máis versátiles.
Unha das vantaxes destas novas pantallas é que o seu proceso de desenvolvemento é compatible coas técnicas e procesos de fabricación actuais, coincidindo no 90% co ciclo de fabricación dunha pantalla LCD estándar, polo que agardan que entre 2010 e 2011 aparezan no mercado distintos produtos que incorporen esta tecnoloxía.
Nun camiño semellante atopamos tamén a Mirasol, compañía que amosou un prototipo de lector de e-books capaz de reproducir vídeo en cor que podería converterse nunha realidade a finais de ano e que podería aplicarse tranquilamente en dispositivos coma un tablet de entre 9 e 10 polgadas, funcionando sen retroiluminación, de aí que conte con moitas das vantaxes do papel electrónico, pero que agarda comercializarse a un prezo moi competitivo.
A cor queda xa nun segundo plano co lector de e-books de Spring Design, o Alex, que está composto por unha pantalla de e Ink de 6 polgadas e unha LCD táctil de 3,5 polgadas dende a que pódese navegar pola web, reproducir aplicacións e usar un teclado virtual, e que tamén goza de alta conectividade (Wi-Fi, e 3G), agardándose o seu lanzamento para o vindeiro 22 de febreiro por uns 399 dólares. Este produto é moi semellante ao Nook de Barnes & Noble (compañía coa que teñen un litixio) e precisamente por iso podería ser un fracaso rotundo, posto que B&N goza dun músculo comercial moi superior.
E pese ao atractivo da cor, dende Plastic Logic preferiron chegar ao CES cunha aposta que resultou moito máis rechamante do que sería de esperar, xa que presentaron o QUE proReader, dispositivo que chegará en dúas versión: unha con 4 Gb de capacidade e Wi-Fi que venderase por 649 dólares, e outra con 8 Gb de capacidade, Wi-Fi e 3G que custará 799 dólares.
O seu prezo deixa claro que non está dirixido a un público xeral, senón que estaría enfocado a profesionais e, de feito, aparte da lectura de e-books, o trebello tamén serviría para acceder ao correo electrónico, á axenda e a outros tipos de documentos, coma PDF, PowerPoint, Word e Excel. Contrólase grazas á súa pantalla táctil (con soporte de xestos).
Tamén incorpora compatibilidade co formato truVue, desenvolvido en colaboración con Adobe, e que permite preservar un estilo e molde moi semellante ao dunha publicación impresa, contando xa con compañías coma o Wall Street Journal, Forbes, Huffington Post ou Thompson Reuters en adoptalo, de xeito que podería ser un dispositivo moi interesante para a lectura de novas, especialmente polo seu tamaño (11,6 polgadas), que buscaría non competir con outros lectores de e-books, senón que tería coma idea o substituír o papel en moitos contornos de traballo.
O QUE proReader foi un produto anunciado xa en 2007, e que sufriu múltiples retrasos, pero finalmente sairá á venda no mes de abril, aínda que o seu elevado prezo impedirá que goce da popularidade de dispositivos coma o Kindle.
Presentación do QUE proReader
Demostración da tecnoloxía de LiquavistaColor
No CES púidose ver o prototipo de Mirasol
