Datos de penetración da TDT en España durante o mes de decembro elaborados por TNS SofresImpulsa TDT vén de publicar o seu informe do mes de xaneiro (descargable en formato PDF) con respecto á situación da Televisión Dixital Terrestre en España, no que inclúen datos de TNS Sofres nos que cifran a penetración desta tecnoloxía nos fogares galegos no 68,9% o pasado mes de decembro, o que supón un incremento de cota mensual do 2,1%. Cómpre destacar que a media estatal de penetración da TDT é do 77,4%, polo que a situación galega parece peor que no resto de España, só por detrás do País Vasco, o que leva a pensar que a situación non é consecuencia da reducida modernización da televisión na nosa comunidade, senón na existencia dunha plataforma de televisión por cable (a operadora R), que aínda que dende hai unhas semanas permite a recepción da TDT dende a súa infraestrutura, fai uso doutra tecnoloxía (tamén dixital) para chegar aos fogares. No tocante ás audiencias, este Nadal destacou por ser o momento no que a cota de pantalla da TDT superou o 50% (chegando ao 52,8%), aínda que no caso galego en decembro quedamos no 48,3%. O informe de Impulsa TDT tamén achega información sobre a venda de televisores e sintonizadores de TDT, acumulando 24 millóns de dispositivos que permiten a recepción do sinal dixital, dos que 14 millóns serían televisores con esta tecnoloxía integrada, mentres que os 10 millóns restantes serían receptores externos, aínda que resultará moito máis interesante ver o informe do vindeiro mes, no que veremos a resposta do mercado durante o Nadal, no que os produtos estrela parece que foron os televisores, en boa medida pola proximidade do apagamento analóxico.