Confirmando as polémicas declaracións de César Alierta, 24 dos principais operadores de telefonía móbil a nivel mundial (coma Telefónica, Vodafone, Orange, AT&T, Verizon, Sprint, NTT DoCoMo ou China Mobile) agrúpanse para lanzar a Wholesale Application Community, unha plataforma que sirva para crear tendas de aplicacións para móbiles que procurarían replicar a fórmula de éxito da App Store de éxito, dirixíndose a terminais de distintos fabricantes (inicialmente só LG, Samsung e Sony Ericsson).
Cómpre lembrar que Telefónica Movistar xa intentou replicar sen éxito a tenda de aplicacións do iPhone, e polo momento a única plataforma deste tipo que pode compararse (pese a estar aínda a unha distancia considerable) é o Android Market. Algúns fabricantes coma Nokia tamén teñen as súas propias tendas de aplicacións, polo que haberá que agardar se están dispostas a aceptar que as operadoras usurpen tal función, que é unha importante fonte de ingresos, e que ata o momento centrábanse nos distintos sistemas operativos móbiles e non nas compañías que dan o servizo de telefonía ao usuario.
Pese ás boas intencións desta nova iniciativa, parece moi difícil que poida concretarse nunha realidade a ter en conta, posto que as diferenzas entre os móbiles e os seus sistemas operativos fai que desenvolver para esta nova plataforma sexa un esforzo titánico para os programadores de aplicacións móbiles, de aí que a súa harmonización non pareza algo viable a medio prazo.
Varios operadores móbiles queren crear unha plataforma unificada de venda de aplicacións
Compartir Este Artigo
