Esta semana presentouse en Madrid o novo proxecto do xornal El Mundo que busca por n-ésima vez atopar un modelo de negocio baseado no pagamento que poida garantir a supervivencia da prensa adaptándose a novos formatos electrónicos enriquecidos. Este novo proxecto responde ao nome de Orbyt, e ofrecería en entregas diarias a 0,60 euros cada unha (ou a 14,90 euros ao mes) un paquete descargable que sería como unha versión en PDF do xornal El Mundo, pero achegando maior interactividade e contidos multimedia (coma vídeos), o que lembra en boa medida ao que pretende facer Condé Nast co lanzamento de versións de varias das súas publicacións adaptándoas ao iPad de Apple.
Orbyt ofrecerá distintos modos de visualización dos contidos repartidos en catro seccións: Quiosco (que recolle as edicións impresas de El Mundo e de todas as súas revistas e suplementos asociados), Tu Mundo (sección interactiva que busca a participación do lector), Documenta (unha especie de hemeroteca que tamén incluirá dossieres específicos) e Duty Free (herdeira das promocións dos xornais en papel).
Haberá que agardar ao vindeiro luns para ver se este proxecto presenta un produto atractivo para o usuario, que dificilmente verase chamado a pagar por algo semellante ao que pode achegar de balde da web, aínda que os subscritores de El Mundo terán acceso de balde a Orbyt, polo que o servizo xa nace cunha importante base de usuarios habituais.
Pedro J. Ramírez, director de El Mundo, asegurou que a versión dixital da súa cabeceira continuará a ser de balde na web, pero con Orbyt crean un modelo dual, de xeito que a edición diaria do seu xornal distribuirase paralelamente «en todos os soportes electrónicos que estean no mercado», de xeito que esta nova plataforma de publicación será simplemente o primeiro paso dunha nova estratexia na que a difusión da prensa nos quioscos convértese en algo secundario.
Orbyt será a nova proposta de pagamento de El Mundo na Internet
Compartir Este Artigo
