Unha vez rematada a transición á TDT en todo o territorio español, o feito de que a meirande parte da oferta televisiva continúa ancorada no formato 4:3 resulta rechamante, pois practicamente todos os televisores con sintonizador dixital teñen formato panorámico (16:9) de xeito que a visualización de contidos no vello formato tende a atentar á proporción das imaxes, creando unha experiencia audiovisual insatisfactoria, mentres que os usuarios con receptores de TDT externos non teñen ningún problema en recibir o sinal en 16:9, podendo optar entre recortar a imaxe lateralmente ou amosar as típicas bandas negras sobre e baixo a imaxe.
Entendemos así que manter as emisións en 4:3 é un anacronismo, e as canles de televisión están a topar moitos atrancos para solucionalo (o que non debería ser así se tempos en conta que a meirande parte da ficción audiovisual e as retransmisións deportivas levan anos distribuíndose en alta definición, formato que non soporta o modo 4:3), e finalmente unha canle estatal deu o paso de mudar os seus informativos a 16:9, e sorprendentemente foi Telecinco a pioneira, pese a que Cuatro prometía adiantarse na migración ao formato panorámico.
Co novo formato dos Informativos Telecinco, a canle de Fuencarral dá o salto definitivo ao formato panorámico, coma xa fixeron canles como a catalá TV3, que non só xeneralizou a produción propia en 16:9, senón que decidiron emitir os contidos en 4:3 mediante o método coñecido coma pillarbox, ou sexa, con bandas negras laterais, primando o respecto polas proporcións (aspect ratio) e facilitando a recepción uniforme das súas emisións, medida que é de agardar que nos vindeiros meses tomen outras canles españolas, tanto públicas coma privadas.
Telecinco recibe o apagamento analóxico mudando os seus informativos a 16:9
Compartir Este Artigo
