Hoxe foi a data elixida por Apple para dar a coñecer o que será o iPhone OS 4, renovación do sistema operativo do iPhone e do iPod Touch, terminais que superan os 85 millóns de unidades en todo o mundo, así coma tamén serve coma referencia do que permitirá o novo iPhone que previsiblemente porán á venda no verán, data na que sairá o novo sistema operativo.
Steve Jobs foi o mestre de cerimonias do evento de presentación, abrindo a sesión falando do bo resultado que está a dar o iPad, que dende o pasado sábado vendeu 450.000 unidades, 600.000 libros electrónicos e 3,5 millóns de aplicacións, polo que estamos ante un importante éxito non só do dispositivo, senón de toda a plataforma móbil.
Pero o evento estaba dirixido ao iPhone (aínda que tamén avanzaron que o iPhone OS 4 chegará ao iPad no outono), e así, continuo, asegurándose que o OS 4 achegaría importantes melloras, nas que destacouse principalmente a presenza da multi-tarefa, ou sexa, a posibilidade de executar aplicacións en segundo plano, o que facilita funcións coma: – escoitar música en streaming mentres se realizan outras tarefas no móbil – ter sempre aberta unha aplicación de VoIP para poder recibir chamadas en calquera momento – poder seguir utilizando a navegación GPS pese a non executar unicamente o TomTom (ou outra aplicación semellante) – recibir notificacións push 
O correo electrónico no iPhone tamén mellora, permitindo a unificación de bandexas de entrada, de xeito que os usuarios que teñan varias contas configuradas no móbil poderán cambiar rapidamente entre as mesmas ou xestionalas como unha soa. Tamén incorporan a posibilidade de agrupar as mensaxes de correo electrónico en fíos (facilitando o seguimento de conversas).
Coma o iPad goza da aplicación de libros electrónicos iBooks, decidiron achegala tamén ao iPhone e ao iPod Touch, ampliando así a súa base de clientes.
De cara aos usuarios corporativos, o iPhone OS 4 contará con múltiples prestacións avanzadas que melloran a protección de datos, a administración do dispositivo e soporta redes privadas virtuais SSL, Exchange Server 2010 e múltiples contas de Exchange.

Os programadores de aplicacións para o iPhone poderán acceder dende hoxe mesmo a unha versión previa do SDK para desenvolver para o novo sistema operativo, precisando que todas as funcionalidades tirarán no iPhone 3GS e no último iPod Touch. O iPhone 3G e o iPod Touch de segunda xeración tamén serán compatibles co iPhone OS 4 pero non poderán gozar de moitas prestacións como a multi-tarefa, xa que o se hardware non ten a potencia suficiente. Enténdese así que o iPhone OS 4G marcará un punto de disrupción, abrindo unha fenda entre os vellos iPhone e os novos, o que podería instar a moitos usuarios a renovar o seu terminal a partires do verán.
Demostración do funcionamento da multi-tarefa no iPhone
Apple presenta o novo sistema operativo para os seus dispositivos móbiles
Compartir Este Artigo
