Ante as incógnitas sobre o Windows Phone 7 e as dificultades para introducirse no iPhone, a Fundación Mozilla está a centrar os seus esforzos en levar a versión móbil do navegador web Firefox (dispoñible actualmente para terminais co sistema operativo Maemo 5 coma o Nokia N900) a terminais con Android, e finalmente o público pode probar a súa versión de proba.
A versión pre-alfa de Fennec para Android pode descargarse para terminais con Android 2.0 ou superior (estando probado polo momento no Motorola Milestone e no Nexus One), ten fallos que poden levar a ter que reiniciar o móbil, non está optimizado o seu xestor de memoria, non abre ligazóns doutras aplicacións (o que solucionarán na seguinte versión) e debe instalarse na memoria interna do terminal (non soporta a instalación en tarxeta SD polo momento).
Pese a todas estas limitacións, moitos son os que queren probar o navegador de Mozilla para Android, principalmente porque abre a porta a engadidos aos que xa estamos afeitos no ordenador de sobremesa, coma por exemplo, Weave, engadido que permite sincronizar marcadores, contrasinais, configuración, historial e datos introducidos en formularios entre varios navegadores (o que resulta de especial utilidade en equipos portátiles).
Sobre dicir que traballar con versións tan inmaduras dunha aplicación para o móbil non é moi recomendable, posto que pode ocasionar moitos problemas, pero resulta interesante botar un ollo a un navegador web que podería alzarse coma unha boa alternativa ao que Android inclúe por defecto, aínda que terao difícil, posto que o motor WebKit parece estar a converterse no estándar para dispositivos móbiles.
Publican unha versión de proba do Firefox para Android
Compartir Este Artigo

