A pasada fin de semana escribiuse nos EE.UU. un novo capítulo da historia do iPad de Apple, que finalmente chegou ao mercado na súa versión con conectividade 3G, de xeito que aos entre 629 e 829 dólares que custa o trebello nas súas distintas capacidades habería que engadir un plan de datos móbil da operadora AT&T (que cobra 29,99 dólares/mes por un acceso ilimitado á Rede). Pese a estes prezos tan elevados, as primeiras estimacións sobre as vendas da nova versión do tablet de Apple son moi optimistas, situando en 300.000 as unidades vendidas durante estes días, dando a entender que existe unha forte demanda dun trebello que permita o acceso á Internet dende calquera lugar, sen chegar a ser un ordenador completo.
Continuando coas previsións de vendas, Apple tamén asegurou hoxe que o pasado venres chegou a vender o seu primeiro millón de iPad, polo que o novo trebello estaría a ter unha acollida excepcional, pois o iPhone tardou 74 días en chegar a tal volume de vendas.
Vendo este volume de vendas tan impresionante non sorprende tanto que Apple tivese que demorar o lanzamento internacional do seu novo trebello, aínda que é de agardar que a súa chegada a Europa sexa bastante máis tranquila, pois o noso mercado non é tan afín a Apple coma o norteamericano.
Pero o iPad 3G tamén non chegou sen incidencias, e nos seus primeiros días non foron poucas as persoas que denunciaron problemas coa reprodución de vídeo a través de 3G, o que non parece ser unha limitación de AT&T, senón das distintas aplicacións, de xeito que é de agardar que nas vindeiras semanas algunhas aplicacións como a da canle televisiva ABC adáptense para funcionar na nova versión do iPad sen problemas.

A seguridade do iPad estaba comprometida dende antes do seu lanzamento, pero os grupos que traballaban na súa liberación (jailbreak) para permitir a instalación de aplicacións non autorizadas por Apple non querían amosar as súas cartas ata que chegasen ao mercado todos os modelos de iPad, e agora que o iPad 3G é unha realidade tanxible, ve a luz Spirit, unha nova ferramenta que permite facer jailbreak tanto ao iPad coma aos últimos iPhone e iPod Touch (non inclúen a liberación do bloqueo de operador do iPhone). Para que un dispositivo de Apple sexa susceptible de liberar con Spirit é preciso que teña unha versión 3.1.2, 3.1.3 ou 3.2 do seu firmware, que estea activado e que no equipo ao que se conecte estea instalada calquera versión de iTunes 9.
Continúa a polémica de prezos
Un dos puntos máis criticados por parte dos usuarios do iPad é que as súas aplicacións son moi caras, de xeito que algún xogo dispoñible para iPhone pode multiplicar por 4 o seu prezo na súa versión para iPad, o que non sempre está xustificado, e agora temos un exemplo de política de prezos pouco atinada nas revistas, posto que as edicións dixitais de varias publicacións saen máis caras en subscrición que a súa edición física, o que é unha situación surrealista ante a que os editores deberían tomar medidas se non queren deixar pasar unha oportunidade de ouro.
Entre as revistas que padecen esta política de prezos desafortunada están Popular Sciencie e o TIME Magazine, que na súa versión para iPad custan 4,99 dólares, ou sexa, igual que a súa edición en papel; pero de subscribirnos á súa edición impresa o prezo por exemplar redúcese considerablemente, algo que tamén debería pasar en breve para as descargas de contidos de querer que as edicións dixitais non morran por mor dunha política de prezos pouco atinada.
O iPad 3G podería ter vendido 300.000 unidades na súa primeira fin de semana
Compartir Este Artigo
