Ampliando a estratexia local de Tuenti (iniciada hai pouco máis dun mes con Tuenti Sitios) onte estrouse Tuenti Páxinas, unha nova funcionalidade da plataforma de redes sociais máis popular entre a mocidade española que permitirá por primeira vez a creación de espazos para marcas (que tiñan prohibida a súa presenza en Tuenti) de xeito que os usuarios que amosen afinidades coas mesmas poderán unirse a estas novas páxinas oficiais, para estar informados do que acontece ao seu redor.
Tuenti Páxinas poderá empregarse tanto para promover organizacións, coma formacións musicais ou sensibilidades sociais, e aínda que o seu inicio sexa moi comercial coa estrea das páxinas oficiais de HP, Movistar, Coca-Cola e Sony, nos vindeiros días os usuarios tamén poderán amosar a súa afinidade con clubs de fútbol e xogadores, para compartir comentarios, fotografías e vídeos sobre os mesmos. Tamén abriríase a posibilidade de establecer discusións políticas, o que permitirá que os distintos partidos poidan ter unha presenza formal en Tuenti, evitando polémicas como as que xurdiron o ano pasado.
Non podemos evitar comentar que Tuenti Páxinas parece unha mera copia das páxinas de Facebook, de xeito que a innovación de Tuenti Sitios quedaría eclipsada polo seguidismo desta nova funcionalidade.
Tuenti estrea páxinas oficiais
Compartir Este Artigo
