O Nokia N96 incorpora un sintonizador de TDT móbil que permite recibir os sinais alí onde opera esta tecnoloxía en probasDende o relanzamento da Televisión Dixital Terrestre (TDT) en España vénse a falar da súa versión móbil baixo o estándar DVB-H e as súas dificultades, en boa medida polo enfrontamento entre os radiodifusores televisivos e as empresas de telefonía móbil para determinar quen controlaría este sector, o que creou un punto morto que promete ser indefinido, pois o Goberno decidiu adiar indefinidamente a adxudicación de frecuencias para servizos de TDT móbil argumentando falta de demanda, argumento falaz (non pode demandarse un servizo que non existe), pero que resulta razoable se analizamos o actual panorama audiovisual, no que a Internet está a converterse no complemento absoluto da televisión, deixando de lado cousas como a televisión interactiva que prometía a dixitalización da televisión terrestre. En países asiáticos a televisión no móbil leva anos funcionando con bastante fortuna, pero en Europa non deixamos madurar tal tecnoloxía, de xeito que agora chegaría con bastante demora, e tería moito máis difícil encaixar entre os consumidores que prefiren a liberdade de elección de contidos que permite a Rede fronte ao modelo tradicional televisivo. Amais, as redes 3G tamén permiten as retransmisións de televisión, aínda que este si está a ser un servizo moi pouco demandado, pese a levar moitos anos existindo, aínda que iniciativas como a de Movistar para levar televisión de alta definición ao iPhone podería supor o revulsivo preciso para desatascar a situación, e dar o pulo preciso para que a televisión no móbil comece a aceptarse coma un servizo de uso habitual.