Tras todo o rebumbio xerado polo anuncio da comercialización do PS Jailbreak, unha solución que racha a seguridade da PlayStation 3 permitindo a execución de software sen asinar, o que incluiría copias de videoxogos, Sony tomou cartas no asunto, e finalmente hoxe publicou unha actualización do software do sistema de PS3 á versión 3.42 que coma principal característica ten «un parche para potenciar o nivel de seguridade do software do sistema», ou sexa, que corrixe o fallo de seguridade que permite o funcionamento do PS Jailbreak e os seus clons, de xeito que se alguén quere optar polo lado escuro non poderá acceder á PlayStation Network (pois é preciso ter a consola actualizada á última versión do firmware da PS3 para facer tal).
Parece confirmado que as distintas solucións que permitían crackear a PS3 deixan de funcionar ao actualizar a consola de Sony ao firmware 3.42, pero algúns usuarios poderían optar por manter a súa consola sen actualizar, pois para rachar a súa seguridade nin sequera é preciso que merque un dispositivo especial por uns 100 euros, senón que están a aparecer solucións libres que incluso corren en dispositivos tan diversos coma un móbil con Android, un Nokia N900, unha Palm Pre, unha calculadora TI-84 Plus ou unha consola de videoxogos Dingoo A-320, o que non só serviría para abrir a consola á piratería, senón que tamén introduce o desenvolvemento de aplicacións caseiras, que parece estar en plena efervescencia, e xa se fala de que botaron a andar proxectos para levar á PS3 emuladores da DreamCast de SEGA ou da PlayStation 2 (pois só as primeiras PS3 incorporaban a retro-compatibilidade) e incluso xa contan cun servidor de FTP para a PlayStation 3 que permite o acceso remoto ao disco duro da consola e ás súas unidades de memoria que, aínda que está moi inmaduro, é unha excelente aplicación que non sería posible de non terse superado a seguridade da PS3.
Vídeo no que podemos ver o crackeo dunha PlayStation 3 utilizando un móbil Nexus One
Sony actualiza a PS3 para pór freo ao PS Jailbreak
Compartir Este Artigo
