O salto das aplicacións de VoIP aos móbiles resulta imparable, e Skype vén de eliminar un dos principais atrancos que colocaba neste eido, de xeito que os móbiles con Android 2.1 ou superior xa poden gozar dunha aplicación nativa de Skype, cando ata o momento só podían facelo os clientes da norteamericana Verizon Wireless.
A aplicación de Skype para Android permite facer chamadas de balde entre usuarios de Skype nas súas distintas plataformas (que grazas ao codec SILK consegue unha calidade de audio semellante á dun CD), remitir mensaxes instantáneos e incluso establecer comunicacións en grupo, destacando polo feito de que funciona tanto a través de conectividade Wi-Fi coma por 3G (aínda que esta última posibilidade non está dispoñible nos EE.UU.). Tamén é posible realizar chamadas telefónicas tradicionais a través de Skype, aínda que en tal caso non sería un servizo de balde, senón que funcionaría mediante unha fórmula de pagamento previo.
Esta nova aplicación está dispoñible no Android Market agás en China e o Xapón, e funciona na meirande parte dos móbiles HTC e Motorola con Android 2.1 ou superior, aínda que teñen detectados problemas en terminais coma o Samsung Galaxy S, o que procurarán corrixir en futuras actualizacións.

Vídeo de presentación da versión de Skype para Android
Skype chega a Android permitindo chamadas por Wi-Fi e 3G
Compartir Este Artigo

