
Esta realidade, sinalou, tamén é aplicable á industria musical, arestora en fase de transformación e de reactivamento grazas aos ingresos acadados co que antes era un simple gasto: os vídeos musicais que chegan a YouTube. “Os contidos xa non esmorecen, e esa abundancia suprime os filtros artificiais que ata hai ben pouco marcaban as pautas”, sinalou. Tanto a través da televisión como nas redes temos polo tanto a un espectador que non é pasivo e que se involucra comentando. En opinión do blogueiro, cómpre ter en conta sempre esta realidade dende a base mesma de calquera proxecto que teñamos entre mans. “Co portátil nos xeonllos, as marcas foron relevadas polas comunidades, o hiperregulamento polas posibilidades da rede; a televisión xa non é polo tanto o centro da familia”, engadiu.
O problema vén, dixo, á hora de xestionar todo este eido multiplataforma que entra polos nosos fogares. Na súa opinión, entre os exemplos de innovación tecnolóxico-audiovisuais máis salientables dos últimos anos figuran iniciativas como Hulu, televisión de pago que introduciu a posibilidade de saltar a publicidade, probando efectos de visualización, ou permitíndolle ao usuario que o contido se puidera incrustar noutros sitios. “Hulu Plus”, dixo, “coa súa practicamente ilimitada oferta de 9,99 dólares chegou a deseñar unha oferta desconcertante a nivel industrial”. Amais do devandito, Martín tamén citou os interesantes camiños abertos por Filmin (na estrea simultánea de filmes, mesmo directamente en Internet) ou, dende o lado independente, o caso de Vodo, unha comunidade que suple a carencia de cartos co financiamento colectivo de producións, ben con títulos minoritarios que podes ver e descargar e polos que pagas o que queiras, ben reunindo a un grupo de interese que poda financiar as producións.
Gonzalo Martín animou ás empresas galegas a crear e distribuír audiovisual dende a vangarda
Compartir Este Artigo
