E Ink presentou hoxe oficialmente a tecnoloxía que está detrás do mencionado eReader en cor de Hanvon, un panel de tinta electrónica que, aparte de 16 niveis de monocromo, é capaz de amosar milleiros de cores, o que permite o seu uso para amosar gráficos, mapas, fotografías, anuncios, comics… polo que os paneis E Ink Triton poderían ser o futuro dos dispositivos orientados á lectura.
Esta tecnoloxía permitiría que un lector operase durante 30 días cunha única carga, superando sobradamente as 10 horas de autonomía que ten un iPad, ao que tamén habería que sumar o detalle de que a pantalla pode verse sen problemas baixo a luz do sol, cun ángulo de visión de case 180 graos e unha relación de contraste de 10:1.
As pantallas E Ink Triton non servirían só para eReaders, senón que tamén poderían empregarse en dispositivos sen fíos, termóstatos e paneis industriais, terminais de punto de venda e moitos outros trebellos nos que este tipo de tecnoloxía sería máis axeitado que os paneis LCD tradicionais pola súa autonomía ou pola súa facilidade de uso en condicións de alta luminosidade.
Dende E Ink aseguran ser os únicos en comercializar actualmente este tipo de tecnoloxía, aínda que deberemos agardar uns meses para vela realmente no mercado (o eReader de Hanvon debería chegar ao mercado en marzo de 2011).
Explicación das posibilidades dos paneis E Ink Triton
E Ink anuncia a súa tecnoloxía de tinta electrónica de cor
Compartir Este Artigo
