Imaxe do Mozilla Summit 2010 que tivo lugar o pasado verán en CanadáTras perder a guerra dos navegador contra o Internet Explorer de Microsoft, o Netscape mudou de rumbo para abrazar o código aberto a través dun proxecto chamado Mozilla, que en 2002 estreou navegador web en fase de probas (Phoenix) para madurar progresivamente ata que o 9 de novembro de 2004 veu a luz coma o Mozilla Firefox 1.0, de xeito que hoxe poderiamos celebrar o 6º aniversario da principal alternativa ao browser de Microsoft, que actualmente está na versión 3.6 e xa ten a vista posta nunha versión 4.0 (actualmente en probas, e que achegará numerosas melloras coma o soporte de WebM e WebGL ou a integración de Firefox Sync e Panorama). Actualmente o Firefox non é a única alternativa ao Internet Explorer, e tanto Google co seu Chrome, Apple co seu Safari e Opera co seu navegador, gañan cada vez máis mercado, especialmente en contornos móbiles, o que en boa medida debemos agradecer ao esforzo da Fundación Mozilla ao demostrar que existe unha demanda de aplicacións deste tipo que ofrezan características de seu, coma engadidos, sistemas de bloqueo de fiestras emerxentes ou funcións de privacidade, de xeito que cada usuario ten a liberdade de optar a diferentes ferramentas segundo as súas necesidades.