A xente de Microsoft chegou ao Consumer Electronics Show de Las Vegas coa cabeza moi alta, pois aproveitaron a ocasión para celebrar o éxito de público que tivo Kinect, a súa solución de detección de movemento para a Xbox 360 que superou as previsións de vendas colocándose no mercado nos seus primeiros 60 días máis de 8 millóns de unidades, á vez que a Xbox 360 chegou aos 50 millóns de unidades e o servizo de xogo en liña Xbox LIVE supera os 30 millóns de usuarios activos.
Pero aparte de dar boas cifras, Microsoft tamén anunciou que en primavera vai lanzar unha actualización para permitir o uso de Kinect máis aló dos xogos para manexar servizos coma Netflix, aproveitando esta tecnoloxía para desenvolver un sistema de control cada vez máis natural (de xeito que tanto os xestos como a voz servirán como método de control sen mandos).
Microsoft tamén presentou unha nova experiencia social chamada Avatar Kinect, que aproveita a cámara e o sensor de Kinect para levar aos avatares dos usuarios á vida, colocándoos nun dos 15 escenarios virtuais dispoñibles nos que poder conversar con ata 7 amigos á vez que os avatares reaccionan non só aos movementos, senón tamén ás expresións faciais, de xeito que falarán ou sorrirán á vez que a súa contrapartida no mundo real, dando pé a unha experiencia sen precedentes que case fai transparente o medio empregado para falar entre amigos a distancia nunha solución de telepresenza completa (aínda que pouco realista).
Vídeo de presentación de Avatar Kinect
Microsoft propón o uso de Kinect para crear salas de chat
Compartir Este Artigo
