O móbil de Apple chegou inicialmente a distintos mercados con exclusividades por parte de fortes compañías de telecomunicacións que foron caendo paulatinamente ata que practicamente só quedou en posición de privilexio a norteamericana AT&T, o que o día 10 de febreiro pasará a historia, por comezar a vender Verizon unha versión do iPhone 4 adaptada ás súas redes.
Esta nova debería ser irrelevante en Europa, posto que aquí empregamos redes UMTS mentres que Verizon fai uso da tecnoloxía CDMA, pero non é así xa que o terminal podería ter certas repercusións internacionais por detalles coma que o novo modelo do iPhone 4 virá co iOS 4.2.5 coa funcionalidade de poder compartir o seu acceso á Rede a través de Wi-Fi creando un punto de acceso persoal (aínda que por culpa de funcionar mediante CDMA desactivaríase esta prestación cada vez que se establecese unha comunicación de voz) e contando cun novo deseño das súas antenas internas para evitar os problemas de cobertura denunciados no antennagate.
No tocante á funcionalidade de hotspot persoal podemos comentar que dende o blog Boy Genius Report (responsable de moitas filtracións relativas a Apple) aseguran que tal función chegará a todos os iPhone co iOS 4.3, dende AT&T aseguran que están a estudar tal posibilidade e os móbiles con Android 2.2 ou superior levan tempo contando con tal posibilidade (polo que non parece razoable que o iPhone non supere tal atranco que xa podía evitarse mediante aplicacións non oficiais).
O iPhone podería incorporar en breve a función de punto de acceso Wi-Fi
Compartir Este Artigo
