Os técnicos e monitores do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, GRADIANT, comezaron esta semana as súas visitas a centros de educación de Galicia, comezando polo de Monforte de Lemos, para amosar aos seus alumnos diferentes tecnoloxías que poderán serlles de grande utilidade a través de xogos.
As actividades que desenvolveron os 8 técnicos de GRADIANT, acompañados por monitores especializados, tiveron moi boa acollida por parte de alumnos e profesores, e incluso visitaron o fogar dun alumnos en réxime de atención domiciliaria (debido a unha grave incapacidade física), de xeito que o rapaz puido gozar dun xogo baseado en tecnoloxía BCI (Brain Computer Interface) que funciona a través de sinais eléctricos producidos pola actividade cerebral.
Entre as tecnoloxías que puideron probar os cativos está unha aplicación desenvolvida por GRADIANT que emprega son binaural, de xeito que os alumnos teñen que sinalar o ángulo no que chega un son (e que serve para detectar problemas auditivos); o mencionado xogo MindFlex baseado en tecnoloxía BCI; a aplicación Camera Mouse, que permite manexar o punteiro do rato no ordenador coa cabeza do usuario (tomando, por exemplo, o nariz como referencia); unha sinxela aplicación de realidade aumentada que converte a cara do usuario captada cunha webcam nun animal (imitando os xestos da persoa coma se fose un espello); e incluso as tecnoloxías de detección de movementos das consolas de videoxogos actuais. Todo un exemplo de cómo a tecnoloxía pode contribuír á integración de persoas con eivas físicas en labores cotiás, que dun xeito divertido poden introducirse na sociedade.
GRADIANT inicia unha xira tecnolóxica polos centros galegos de educación especial
Compartir Este Artigo
