Hoxe celebrouse a que moitos consideran que foi a primeira voda real na era das redes sociais, que destacou dende o primeiro momento por detalles como o feito de que a Coroa Británica decidise realizar as comunicacións sobre o evento a través de Twitter e que a retransmisión en vivo do evento tivese lugar a través de YouTube como proba de fogo do seu novo servizo de streaming.
Co gallo desta celebración creáronse numerosas páxinas web (entre as que non faltou o humor), fíxose un amplo seguimento a través de Facebook, creouse un grupo en Flickr para recoller as imaxes do enlace captadas polo público para facer unha especie de álbum fotográfico virtual, apareceron aplicacións para dispositivos móbiles dedicadas aos noivos (como La Boda Real y la revista ¡HOLA! para iOS e o conto interactivo infantil Will & Kate para iPad) e incluso creouse un videoxogo de zombis ambientado na voda.
O evento tamén rachou marcas na súa retransmisión de vídeo a través da Rede, de xeito que chegou aos 300.000 usuarios concorrentes en Livestream (sumando uns 2 millóns de usuarios únicos) e, segundo Akamai, superou o pico de 1,6 millóns de fluxos de vídeo en directo nos seus servidores, rachando a marca do Mundial de Fútbol de 2010. En cambio, no que a novas se refire, a voda real non conseguiu superar o movemento xerado durante o Mundial, aínda que conseguiu superar á vitoria electoral de Barack H. Obama.
En Twitter tamén centrou os temas do momento tanto a nivel mundial como estatal, de xeito que os nomes dos noivos, os convidados, a deseñadora do traxe da noiva e etiquetas descritivas do evento conseguiron estar nas primeiras posicións durante toda a xornada, o que serviu para tomar o pulso á reacción social global a unha celebración desta índole.
A voda real británica tivo ampla repercusión na Rede
Compartir Este Artigo
