
Segundo nos conta A Nosa Terra nunha extensa reportaxe da Asociación IOP sobre a traxectoria da compañía con sede no Porriño, detrás dos éxitos acadados tamén se atopa, sen dúbida, o seguinte punto a favor: a súa aposta pola innovación galega, polo sustentable e polos códigos abertos aplicados á comunicación. Estes son, de feito, os ingredientes dun dos programas máis innovadores dos que xurdiron dende o seu seo: un servizo para realizar trámites por teléfono que fai posible e complementa a realidade da Administración Electrónica. Estamos a falar de SecVoID.
A firma Quobis, que colabora con entidades privadas como Contactnova e públicas como as Universidades de Vigo e A Coruña e o centro Gradiant, desenvolveu un plan de I+D para os vindeiros anos que, segundo engade A Nosa Terra, abranguerá (entre outras cousas) a creación e mellora de diversas tecnoloxías de telefonía baseadas en código aberto.
A idea é seguir o ronsel que deixaron servizos como o dito SecVoID. Máis en detalle, trátase dunha ferramenta que dota aos sistemas de voz a través das redes da posibilidade de garantir a identidade dos interlocutores. Para isto, o sistema baséase no uso do DNI electrónico ou certificado dixital de cada un, o que permite a súa identificación en tempo real, asegurando así a autenticidade da chamada.
Mediante o SecVoID, a transmisión realízase de maneira encriptada, permitindo a xeración de novos servizos e campos de aplicación, tales como a sanidade (asegurando a identidade do doente en conversas telefónicas), as administracións públicas (simplificando os procesos de identificación da cidadanía e ofrecendo novos servizos que ata o de agora requirían da súa presenza física) ou as xestións bancarias, sempre que se fagan por teléfono. SecVoID é o resultado dun proxecto liderado por Quobis, en colaboración con Contactnova e o grupo GTI da Universidade de Vigo como socios.
A aposta pola innovación galega e as solucións abertas, claves do éxito de Quobis
Compartir Este Artigo
