
Niso, precisamente, é no que está a traballar un grupo de investigación da Universidade de Vigo, que en colaboración coas universidades Politécnica de Catalunya e do País Vasco, veñen de desenvolver un sistema que permite a busca e tradución de contidos audiovisuais en todas as linguas do Estado español, ademais do inglés.
Máis polo miúdo, trátase dun sistema que lle permite ao usuario facer unha consulta mediante a súa voz e obter a información cun audio sintético no idioma desexado.
Desta maneira, a ferramenta convértese no primeiro sistema multilingüe de busca e tradución de contidos audiovisuais do Estado, que a Universidade galega desenvolve no marco do proxecto Buceador.
O proxecto que, segundo nos contan dende o Diario da Universidade (DUVI), “está liderado pola UPC e coordinado en Vigo polo profesor Eduardo Rodríguez Banga”, permite, entre outras cousas, traducir o audio e o texto dunha emisión de televisión dun idioma a outro, e buscar na Rede, a partir da voz, calquera tipo de imaxes en movemento.
Xa que logo, aínda que a aplicación está pensada para ser empregada na industria audiovisual, o sistema nace tamén coma un buscador que pon ao alcance de calquera usuario imaxes en movemento, fotografía, e textos asociados a unha palabra, que o internauta pode facer traducir a outro idioma que domine.
Porén a utilidade da ferramenta non reside unicamente na súa faceta buscadora nin tradutora de audios, senón que, os seus desenvolvedores xa miran alén das nosas necesidades como meros consumidores de audiovisual, e están a traballar na súa aplicación como ferramenta de axuda as persoas con discapacidade, ou para servizos de domótica no fogar. En definitiva, en palabras de Rodríguez Banga, é susceptible de funcionar con “calquera aplicación onde a comunicación vocal teña sentido, como é o caso do acceso a información por vía telefónica ou a maior parte dos sistemas de atención ao cliente”.
O xornal universitario afirma que o prototipo estará listo este verán, “se ben a finalización do proxecto”, engaden, “non se prevé ata decembro de 2012”.
Creada a primeira ferramenta galega de busca e tradución de contidos audiovisuais
Compartir Este Artigo

