Ao falar de despacho intelixente, a maioría de nós pensamos nun despacho do futuro, con mobles de corte vangardista totalmente robotizados que fan o traballo por nós, e con todo tipo de dispositivos electrónicos conectados á Rede para non perdérmonos nada de canto sucede no noso entorno global.
Porén, algo máis ou menos similar ao descrito xa o podemos atopar na actualidade, sen necesidade de coller a máquina do tempo e viaxar ata finais de século, coa única diferenza de que as máquinas aínda non fan o traballo por nós (pero todo se andará).
Tampouco hai que viaxar moi lonxe no espazo para ver un despacho con estas características, pois o último gañador do premio Viva la Experiencia del Despacho Inteligente, organizado por Sage, é de orixe galega.
Concretamente, o seu creador, Luis Bermúdez Riobóo, é da Coruña, e co seu proxecto Vectigalia, que reflicte unha transformación cara un modelo innovador capaz de adaptarse aos cambios do entorno tecnolóxico, vén de facerse co recoñecemento do líder mundial en desenvolvemento e comercialización de solucións de xestión empresarial.
Os principais valores diferenciadores de Vectigalia foron a súa aposta polas novas tecnoloxías, os servizos de gran consultoría adaptados ás pequenas empresas, e os servizos orientados aos clientes, que fixeron deste despacho intelixente o máis innovador de tódolos presentados ó concurso, un total de 63 proxectos.
O seu ecosistema integra un ERP como elemento central que canaliza tódolos procesos clave do despacho, dende a xestión de expedientes ata a relación directa co cliente, o que permite aforrar tempo e custes e mellorar o desenvolvemento do negocio.
Desta maneira, o despacho achega unha serie de ferramentas informáticas que proporcionan valor engadido á información, ao coñecemento e á creatividade dos traballadores do despacho, converténdose, en palabras do seu creador, “en ferramentas que complementan e diferencian a Vectigalia”.
Entre as ferramentas máis salientables, o despacho gañador inclúe un Sistema de información estratéxico, unha Plataforma de traballo colaborativa, un Wikidespacho e un espazo virtual de comunicación co cliente.
Para facer realidade este proxecto virtual, Vectigalia recibiu un completo pack de solucións Sage Despachos Profesionales valorado en máis de 50.000 euros, que inclúe ferramentas de análise do negocio, de xestión de documentos, de factura electrónica, s-ScanDoc… así como un amplo abano de equipamento tecnolóxico achegado por parte de HP (escáner, impresora e portátil), Vodafone e RIM-BlackBerry.
Luis Bermúdez, administrador de Vectigalia, mostrou a súa satisfacción por ter recibido este premio, sobre todo “tendo en conta o alto nivel dos proxectos competidores”, afirmou.
Despacho intelixente made in Galicia
Compartir Este Artigo

