Para os galegos e galegas sensibilizados en prol da súa lingua, o 17 de maio é moito máis que un día festivo sinalado no calendario para ter libre no traballo: é o Día das Letras Galegas e o Día de Internet, dous eidos que se unen nunha mesma xornada, para tirar proveito a unísono de tódolos recursos que lles son beneficiosos.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o organismo público co obxectivo máis claro e definido en prol da defensa do galego, sabe da importancia desa data para dar a coñecer o potencial que ten o galego na Rede, e aproveitou para celebrar a Xornada Letras Galegas e Internet, da que demos conta ao detalle en Código Cero.
Agora, pasado case un mes dende a celebración da xornada no CMG, en Santiago de Compostela, a entidade pública vén de facer reconto do que deu de si o acto, e acaba de publicar un informe que achega as ferramentas tecnolóxicas presentadas, os relatorios levados a cabo e os novos produtos informáticos que se están a desenvolver para a dinamización do galego na nosa sociedade.
O informe, que se pode descargar en formato PDF ou consultar directamente en liña na web oficial de Política Lingüística, divídese en 3 partes ben diferenciadas, e inclúe un anexo cos principais datos de contexto relativos ao 2011 e ao emprego das TIC por parte da sociedade galega.
Boa parte dos recursos lingüísticos presentados na devandita xornada do 19 de maio e debullados agora neste informe, eran aplicacións nas que a Xunta de Galicia está a colaborar para contribuír á calidade da lingua e ao seu prestixio social, e de entre todas destacan as que seguen: o dicionario de termos Buscatermos; a nova versión do corrector Galgo; distintos tradutores de galego en liña; un dicionario de pronuncia da lingua galega locutado; o Digalego; ferramentas de aprendizaxe do galego en liña; recursos para a etapa infantil en Internet; proxectos de software libre como o LibreOffice; móbiles co SO na nosa lingua … e un amplo abano de recursos e ferramentas que permiten levar o galego a tódolos eidos da sociedade actual.
O informe tamén achega un completo resumo das intervencións dos distintos profesionais que participaron no acto, como o de Manolo Gago, director do portal de información do Consello da Cultura Galega; Anxela Chillón, responsable de Innovación e Novas Tecnoloxías da Editorial Galaxia; Camilo Regueiro, vicepresidente da Asociación.gal; ou o lingüista e colaborador do proxecto Trasno, Antón Méixome, que realizou un breve percorrido polos principais proxectos actuais de software libre que temos á nosa disposición.
Asemade, o documento recolle algunhas das reflexións realizadas sobre as necesidades de actuación de futuro neste sector das novas tecnoloxías en Galicia, que se resumen en: “acceder a ámbitos tecnolóxicos novos, non perder o tren do cambio permanente e apostar polo plurilingüismo como estratexia”.
Política Lingüística debulla nun informe a Xornada Letras Galegas e Internet
Compartir Este Artigo

