A multinacional de raizame galega Inditex semella virse arriba cando outros moitos non dan avanzando no medio da enleada do parón económico. Isto é aplicable a un nivel físico (con máis tendas e novos países onde xa ten presenza) e a nivel virtual (con novos establecementos en liña en mercados de primeira orde como o de Estados Unidos). Xa nun eido máis estritamente monetario, dicir que a compañía de Amancio Ortega gañou no primeiro trimestre do seu exercicio fiscal, rematado en abril, 332 millóns de euros, o que significa un medre do 10% en referencia ás cifras acadadas o ano pasado.
A multinacional, que ten tendas físicas en case 80 países, complementa este proceso de crecemento presencial cunha importante aposta por estar en tódolos recantos da Rede. De feito, segundo contan medios como El País reflectindo fontes da propia empresa, á apertura en setembro da tenda dixital de Zara para mercados europeos cómpre engadir a vindeira posta en marcha da mesma iniciativa para os clientes de Estados Unidos e, tamén, puntos de venta virtuais de tódalas cadeas de Inditex (Stradivarius, Massimo Dutti, etc) para os mercados europeos. Volvendo ás tendas físicas, dicir que no primeiro trimestre fiscal a empresa galega abriu 110 novas tendas en 29 países, dispoñendo a día de hoxe de 5.154 establecementos en todo o planeta. Salientan por volume de tendas as divisións Zara (1.745) seguida de Stradivarius e Bershka.
Zara abrirá tenda en liña para Estados Unidos
Compartir Este Artigo
