Navegar na Rede está moi ben, ten importantes vantaxes para a comunicación e o coñecemento, pero cómpre lembrar en todo intre que é como percorrer unha cidade de gran tamaño onde tendas e viandantes che saen ao paso e onde cada día hai que ir elaborando un novo mapa de rúas. Dito para que se entenda: navegar si, pero con sentidiño. Isto que vale para os adultos vale aínda máis para as novas xeracións, tal e como nos recordan as continuas actividades divulgativas que se desenvolven na nosa terra arredor da Internet segura. Nesta liña insírese a nova oferta formativa Educa 3.0 que vén de lanzar a empresa galega Academia Postal.
Máis en detalle, trátase dunha actividade de formación dirixida a nais e pais que desexen adquirir habilidades e coñecemento para acadar nos fogares unha navegación racional e controlada para os seus fillos. A iniciativa, que ten especial importancia co crecemento dos fogares galegos con acceso directo ás redes, preséntase artellada en dous cursos prácticos coordinados e impartidos polos docentes José Torres e Gonzalo Sotelo, responsables de Delitos Telemáticos da Garda Civil en Pontevedra.
Segundo fai saber a Academia Postal e reflicte Ineo (asociación empresarial da que forma parte) a primeira edición do curso impartirase os días 24 e 25 de xuño, e a segunda o 1 e 2 de xullo. Terán lugar nas dependencias de Academia Postal en Vigo e Pontevedra, venres de 17 a 21 horas e sábados de 9 a 13 horas. A última parte da actividade ten como obxectivo a instalación e emprego dun sistema eficaz de control sobre as navegacións. O custo da actividade é de 95 euros, incluíndo a licenza para o devandito programa. Sen a licenza, o prezo será de 65 euros.
Academia Postal formará a nais e pais no camiño de acadar navegacións seguras para os seus fillos
Compartir Este Artigo
