O ollo de Google non quere deixar nada sen cubrir. A pregunta que nos podemos facer é: unha vez que os seus servizos mesmo permiten ver de cor pintou os marcos das xanelas o veciño, que lle queda ao buscador por facer? Pois, polo de agora e deixando de lado brincadeiras, afondar un pouco máis no estudo dos fondos mariños, un espazo que a moitos interesará menos que os devanditos marcos pero que engaiolará a unha chea de investigadores e seareiros da xeoloxía e a bioloxía. Para este cometido de impulsar e ampliar o Google Earth na súa vertente Ocean, o buscador xuntouse con doce laboratorios universitarios para conseguir duplicar o mapeado da superficie mariña ao que daba acubillo ata o de agora.
Segundo conta Google no seu blog e reflicten webs de investigación, a iniciativa está dirixida polo Observatorio Lamont-Doherty pertencente á Universidade de Columbia, quen xa achegou o produto do seu traballo de 20 anos para a posta en marcha da devandita ampliación: un informe topográfico mundial froito de 500 investigacións no mar a pé de campo. O resultado, polo de agora, é a obtención dunha superficie rexistrada que vai alén da extensión no mapa de Estados Unidos.
Os traballos, informan Google e os seus colaboradores, entre os que se conta a Administración Nacional Oceánica e Atmosférica, irán máis alá da obtención dun simple recurso de consulta e divulgación. O que se pretende, a maiores, é producir coñecemento para estudar os desastres naturais e poder adiantarse a eles, desastres como os acontecidos hai pouco en Xapón e que levaron ao país a unha catástrofe demográfica, económica e medio ambiental.
Este labor de estudo e prevención poderá levarse a cabo mediante a amplitude de funcionalidades de Google Earth, que nos vai permitir mergullarnos baixo a superficie de calquera mar da terra a golpe de clic, amais de facer incursións con todo detalle nas paisaxes de meirande interese xeográfico que se agochan baixo a superficie. Arestora, o que ofrece o buscador no seu Google Earth é un 6% da extensión total destes fondos mariños, porcentaxe que se irá ampliando de xeito progresivo ata a duplicación coa posta en marcha do devandito traballo conxunto de investigación.
Pulo a Google Earth co rexistro de máis fondos mariños
Compartir Este Artigo
