
Co certame do que estamos a falar, a Universidade de Oulu quere convidar a toda a comunidade científica mundial a colaborar activamente na súa iniciativa co envío masivo de propostas. Segundo nos conta Gradiant, de tódalas recibidas escolléronse catro para ser desenvolvidas, integradas e probadas en Oulu, sendo unha delas a achegada pola Universidade de Vigo e o centro galego de investigación, de nome RunWithUs. As restantes veñen da man da comunidade tecnolóxica de Grecia, Suíza e Alemaña.
“Nos últimos anos”, coméntase dende Gradiant ao fío da súa proposta, “estamos a asistir a continuos cambios nos modos de interacción entre persoas e computadores, afastándonos do modelo tradicional escritorio-ordenador e da man de teléfonos móbiles e tablets con conexión permanente a Internet”. Con todo, a evolución non fica nese punto, e os sistemas de procesado de información intégranse cada vez máis nosas tarefas cotiás e nos dispositivos que empregamos para realizalas. “Este novo modelo de interacción entre persoas e sistemas de procesado de datos chámase computación ubicua”, engade.
As faces desta integración son moitas e diversas, tendo en conta a longa listaxe de espazos nos que se pode dar (fogar, oficina, vehículo, escenarios públicos, rúa, cidade) e os dispositivos postos en xogo. Albiscar as posibilidades disto, ver ata onde podemos chegar, adiantar vantaxes para a nosa calidade de vida é un dos obxectivos da Universidade de Oulu, que pon a disposición da comunidade investigadora mundial a súa infraestrutura para que aquela poida deseñar, probar e avaliar as súas aplicacións sobre un contorno real e despregado sobre toda unha cidade. A raizame disto, convocouse en 2010 o concurso UBI Challenge, no que se facía un chamamento para o envío de propostas. De todas as recibidas, escolléronse catro para probalas virtual e fisicamente en Oulu, sendo unha das escolmadas a viguesa.
“Tanto en Gradiant como na Universidade de Vigo”, engade o centro de investigación, “estamos a traballar en temas relacionados coas cidades intelixentes, temos varios proxectos nesta liña e participar neste desafío coa Universidade dábanos a oportunidade de colaborar con grupos doutros países”, sinala Javier González, director da área de Redes e Aplicacións de Gradiant. E continúa Felipe Gil , coordinador do proxecto e profesor da Universidade de Vigo, logo da experiencia levada a cabo na cidade viguesa: “É estupendo poder probar a aplicación nun escenario real, Oulu ten uns 3.000 puntos de acceso Wi-Fi por toda a cidade, Bluetooth, redes de sensores, displays… Non hai moitas cidades así no mundo, e todo isto permite facer probas de validación fóra do laboratorio”. Segundo engade, a aplicación galego presentou “como é lóxico” algúns erros, pero o grao de satisfacción é alto.
A previsión é seguir traballando no proxecto ata xullo, mes no que as aplicacións faranse visibles e ficarán dispoñibles para o uso de tódolos cidadáns de Oulu. Ao longo de xullo e agosto, xuntarase toda a información sobre o uso destas ferramentas e, a finais do verán, os equipos presentarán resultados. Un pouco máis adiante, na recta final de 2011, daranse a coñecer os resultados nun congreso en Pequín.
RunWithUs
A aplicación galega é un servizo creado para motivar aos cidadáns na práctica do deporte. Pon en xogo unha rede social na que os usuarios poden compartir as súas actividades de adestramento e os resultados coas súas amizades e competir con elas. Os destinatarios deste recurso rexístranse nos displays espallados por toda a cidade e a través das infraestruturas Wi-Fi de Oulu e dos seus propios dispositivos dotados con acceso sen fíos. Os resultados fican rexistrados, con información relativa á duración, velocidade e percorridos. Ao mesmo tempo, poderán compartir os seus rexistros e acceder aos dos seus contactos, como por exemplo as súas rutas favoritas. As persoas inscritas poden consultar tamén cales dos seus amigos está a facer deporte nese intre.
Os proxectos seleccionados
1. RunWithUs, Universidade de Vigo e GRADIANT
2. Clio, Research Academic Computer Technology Institute (Grecia)
3. Digifieds, University of Lugano (Suiza)
1. Funsquare, University of Duisburg-Essen (Alemaña)
Tecnoloxía galega no concurso de Oulu para crear a cidade dixital do futuro
Compartir Este Artigo
