A Campus Party de Valencia ten programado para este edición 2011, a desenvolver do 11 ao 17 de xullo, un total de 300 horas de obradoiros informáticos e tecnolóxicos. A nova sobre o importante peso do contido formativo non fai máis que confirmar a tendencia dos últimos anos, en que tanto a Campus Party como outros eventos de semellante liña (o caso de Xuventude Galicia Net) están a reorientar a fórmula cara novos escenarios de intercambio de coñecemento, escenificando redes sociais, agora que o simple lecer internauta xa non dá para máis entregas. Polo que se refire aos asistentes previstos, dicir que o encontro dará acubillo a unhas 6.500 persoas.
Tematicamente tamén haberá novidades, moitas delas cun ollo posto no actualidade e, dentro dela, nas cousas do noso mundo real que están a mudar de faciana e de fondo por mor da interacción das cousas virtuais. Así, mesmo haberá reflexión arredor do movemento Democracia Real Xa, un movemento que dificilmente tería chegado a tales cotas de cohesión e eficacia de non ter contado co apoio das redes e o seu poder de convocatoria. Tamén está prevista a presenza de cociñeiros como Ferrán Adrià, que impartir o 12 de xullo un relatorio sobre innovación, neste caso aplicado ao seu eido de actividade principal.
Asemade, sábese que participará no encontro Julien Fourgeaud, o principal impulsor de Rovio, o selo responsable do xogo para móbiles Angry Birds, quen fará un interesante percorrido sobre as posibilidades de transformar unha afección dixital, a de crear unha proposta de lecer tecnolóxico, nun negocio en toda regra. Tamén acudirán, entre outros, John Maddog Hall (director executivo de Linux International) e Kevin Mitcnick, o coñecido ex hacker.
A xuntanza, que vai pola súa edición número 15, desenvolverase en dous escenarios da Cidade das Artes e as Ciencias. Por unha banda o Museo Príncipe Felipe e, pola outra, o Ágora, unha superficie de case 5.000 metros cadrados especialmente axeitada, polas súas dimensións e feitura, para dar acubillo a grandes multitudes.
A Campus Party acollerá a 6.500 persoas e ofrecerá 300 horas de obradoiros
Compartir Este Artigo
