
Ao fío de Anonymous, un exemplo da vertente máis combativa, Enrique Dans amosou a súa desconfianza sobre o seu suposto desmantelamento: “Como poden dicir que detiveron á cúpula deste grupo se é unha agrupación sen líderes nin xerarquía, na que todos somos Anonymous”, comentou o profesor do IE Business School ao longo do seu relatorio, unha charla que recolleron polo miúdo medios como Xornal.com, e que proseguiu con cifras para poñérmonos en materia. Cifras sobre o medre de Internet nos últimos tres lustros. “En 1996”, comentou, “eran 45 millóns de usuarios lendo, pero moitos menos publicando, só había 250.000 sitios; en 2006, os usuarios chegaron ao billón e as webs roldan os 8.000 millóns”. Ao seu xuízo, non queda dúbida de que estamos perante algo incontrolable, con todo o negativo e con todo o (moito) positivo que achega, unha case total liberdade de expresión, comunicación e mobilización que mesmo foi quen de pór en xaque réximes políticos autoritarios que moitos de nós xa criamos eternos.
Retomando o fío de tódalas cousas que podemos facer para tirarlle o máximo partido á Rede en materia de promoción e impulso, Dans non quixo deixar pasar a oportunidade de destacar o papel despregado por Google, unha empresa que ve aos internautas e ás empresas como materia prima e que permite empregar os seus servizos a cambio de que lle contemos que páxinas son as que máis nos gustan e cales non, datos que logo son o seu produto para vender.
Dans fala en Compostela da Rede imparable e do potencial das comunidades en liña
Compartir Este Artigo
