Emilio Duró, un dos meirandes expertos no territorio estatal en materia de intelixencia emocional (a parte do noso entendemento que mellor coñece e identifica os sentimentos propios e dos demais), estivo os días pasados en Compostela para achegar a súa visión sobre dirección empresarial na era do coñecemento no ciclo de relatorios de tecnoloxía e liderado que organizou o CPEIG. A cita de Duró en Santiago, á que asistiron arredor de 250 persoas, tivo un eixe temático fundamental: o coeficiente de optimismo como alicerce do rendemento persoal e profesional. Dito doutro xeito: salientou o potencial do noso lado máis humano e próximo como materia prima básica de toda fórmula dirixida a crear un antes (peor) e un despois (mellor) a nivel corporativo e, tamén, persoal.
En definitiva, defendeu unha busca constante de nós mesmos, en detrimento do estudo de cousas que nos son máis alleas (números, cifras, abstraccións, probabilidades, estudos), para acadar niveis de satisfacción e autonomía que, por forza, materializaranse tamén en melloras empresariais.
Segundo explicou Duró, hai constantes e numerosos informes que certifican isto, e en boa parte deles apúntase a que case o 90% do éxito profesional deriva da actitude que se adopte perante o día a día, depende pois do noso optimismo e da nosa felicidade. Asemade, destacou a importancia da busca da calidade de vida dos traballadores a prol dunha redución do número de depresións e ansiedades, que constitúen “o maior custo laboral para unha empresa“, comentou Duró, polo que é unha realidade que un bo número de empresas innovadoras do sector estean a investir neste cambio de actitude tanto a nivel individual como colectivo.
O relatorio de Duró desenvolveuse baixo o seguinte epígrafe: A xestión da ilusión e o coeficiente de optimismo en épocas de cambio.
Sinalou ademais que investigacións recentes apuntan a que a calidade no desempeño profesional depende, sobre todo, da calidade persoal que achega a persoa.
Licenciado en Ciencias Económicas e Master en Administración de Empresas pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE), Emilio Duró dedica parte do seu tempo ao estudo da aprendizaxe en idades temperás e, mediante experiencias e anécdotas, adoita demostrar que os fracasos profesionais raramente se deben a causas técnicas e si, en cambio, ao desenvolvemento emocional.
Emilio Duró aposta nas xornadas do CPEIG polo optimismo como base do rendemento
Compartir Este Artigo
