O VMware User Group, está a organizar, en colaboración coa Xunta de Galicia, unha xuntanza técnica de usuarios de Vmware na que, da man de profesionais do sector, se poñan enriba da mesa as novas tendencias en virtualización que existen, e se acheguen mellores prácticas sobre a materia que axuden a actualizar os coñecementos das persoas asistentes.
A xornada, que será de balde previa inscrición en Myumug.org, celebrarase o vindeiro 6 de xullo a partir das 9:30 horas nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), entidade dependente da Consellaría de Traballo e Benestar.
O encargado de abrir a xuntanza será Alejandro Solana, manager en VMware de Iberia SE, cun relatorio sobre as funcionalidades de seguridade en vSphere; a quen lle seguirá unha persoa responsable de Trend Micro, que dará a coñecer novas solucións para a protección de contornos virtuais.
Tras unha pausa para coller folgos, Antonio Bueno, xefe do Servizo de Infraestruturas e Arquitecturas Tecnolóxicas do SERGAS, achegará os aspectos relativos á seguridade da información no entorno virtual, baseándose na súa propia experiencia ao mando da dixitalización do sistema da saúde galega.
Ao finalizar as intervencións dos relatores convidados, a organización prevé levar a cabo un debate no que se acheguen puntos de vista enfrontados sobre o tema.
O CNTG organiza unha xuntanza técnica de usuarios de VMware
Compartir Este Artigo

